Saturday 04 de May de 2024

A Xunta reforza as medidas sociais en Frades a través do incremento de horas no Servizo de Axuda no Fogar e a aposta polas casas niño


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde, Roberto Rey Martínez

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, reuniuse esta mañá co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para abordar asuntos de índole social para o municipio, como a ampliación de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da Mancomunidade de Ordes, a posta en marcha de casas niño ou un centro sociocomunitario para Ponte Carreira.

Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego informou do incremento, de 612 horas ao mes, na prestación de SAF Dependencia para os municipios que comparten este servizo na Mancomunidade de Ordes (Frades, Ordes e Oroso) ata sumar un total de 40.476 horas anuais de servizo. “O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes, para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”, indicou Rey Varela.

No que respecta ás familias, o titular autonómico destacou a apertura da casa niño Xoaniña en Abellá, un recurso de conciliación gratuíto que ofrece coidado personalizado de ata un máximo de cinco menores de 0 a 3 anos no propio domicilio dun coidador/a acreditado profesionalmente. “As casas niño son un servizo pioneiro que, ademais de atender ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, son unha mostra da aposta da Xunta de Galicia polo rural”.

Pola súa banda, o alcalde de Frades aproveitou para solicitar a posibilidade de poñer en marcha máis casas niño no municipio e presentarlle un proxecto futuro para a creación dun centro sociocomunitario en Ponte Carreira. Rey Martínez amósase satisfeito pola boa recepción do proxecto por parte do conselleiro, aínda que salienta que se trata dun proxecto a medio prazo.